O Rock Proletario, entendido como corrente cultural definida para servir aos intereses da nosa clase.
Esta tendencia musical ten como elementos fundamentais o rock, como canle de expresións, nas súas variantes máis anticomerciais e populares (punk, oi!, hard core, etc...) e os valores que transmite maioritariamente nas súas composicións son a defensa dunha posición consciente de clase.
O Marxismo-Leninismo é a guía doutrinaria teórica dos grupos ligados a esta tendencia, rexeitando seguir un camiño revisionista (incluíndo aos partidos electoraleiros), trotskistas, nihilistas, autodestrutivos, etc... Non desprezamos a quen o faga, simplemente non o compartimos.
Dentro da nosa corrente ou tendencia cultural asumimos as distintas familias teóricas encadradas no marxismo-leninismo. Emprender unha vía hoxista, maoísta, etc... é decisión de cada grupo. Non crearemos controversia neste punto. Ao contrario, fomentarase a discusión sá e a confrontación de ideas xa que o que nos une é moito máis que o nos separa. As posicións dogmáticas pechadas, por ser contrarias ao materialismo dialéctico, por ser mecanicistas e acientíficas deberán ser evitadas no posíbel.
Os grupos expresaranse na lingua que consideren acaída á propagación da súa mensaxe. Tentaremos, no posíbel, crear un espazo común en internet e ir máis alá nas nosas relacións. Porén, cada grupo manterá a súa independencia de actuación no tocante ao seu funcionamento.
A ACTUACIÓN DE CADA GRUPO, POR SER INDEPENDENTE, NON COMPROMETE EN NADA AOS DEMAIS.
De todos os xeitos, aqueles que se vexan identificados co ROCK PROLETARIO como a definición da súa disciplina cultural terán que ser conscientes de que representan nos seus actos ao proletariado consciente e, xa que logo, malia non ter que render contas organicamente se que son susceptíbeis de seren analizados polo resto dos grupos.
|